O SLG e a CPE posicionáronse contra os agrocarburantes no Comité Consultivo da Unión Europea

O responsábel de relacións internacionais do SLG, Xosé Ramón Cendán, participou neste foro de diálogo en representación da Coordinadora Labrega Europea

O pasado venres, 9 de febreiro, o responsábel de relacións internacionais do Sindicato Labrego, Xosé Ramón Cendán, participou en Bruxelas no Comité Consultivo da Unión Europea sobre agrocombustibeis . Fíxoo en calidade de membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE), que aglutina a máis de vinte organizacións agrarias, entre as que se inclúe o SLG. Neste encontro, Cendán defendeu unha postura moi crítica coa tentativa da Comisión Europea de impoñer este novo tipo de agricultura.

Para o SLG e a CPE, os agrocombustíbeis industriais constitúen un auténtico engano aos agricultores e ás agricultoras, e tamén aos/ás contribuíntes, pois non van contribuír a solucionar nin a crise agrícola nin a crise climática, e van entrar en competencia coa produción alimentaria. Para a CPE, a gravidade da crise climática obríganos a cambiar urxentemente as políticas agrícolas, comerciais e enerxéticas; nunha conxuntura na que as explotacións agrarias poden contribuír a unha produción enerxética alternativa por outras vías que non sexan as desenvolvidas, na actualidade, con grande esforzo de subvencións.

1. Ineficacia enerxética e económica.

É un erro producir combustíbel industrialmente a partir de trigo, remolacha ou colza. Estes agrocarburantes industriais de primeira xeración, obtidos a partir de cultivos intensivos anuais, teñen unha eficacia enerxética moi baixa. Considerando 1 como a mesma cantidade de enerxía gastada na produción con respecto ao produto enerxético final obtido, o resultado sería negativo para o etanol de millo, de 1’6 para o etanol de trigo, dun 1’14 para o etanol de remolacha, e dun 1’66 para o éster de colza. Estas cifras serían de 1’35, 1’25 e 2’23 se aproveitamos as colleitas para sacar tamén coprodutos destinados a alimentación animal. Para o aceite en bruto de colza prensado na propia explotación, os resultados son mellores: 1’88 e 3’8. O cultivo que obtén os mellores resultados é o etanol de cana de azucre, pero Europa non a produce.

Á vista destes datos, Para o SLG e a CPE, é mellor favorecer a autonomía enerxética das propias explotacións agrarias apoiando a produción aceite vexetal bruto; en troques de crear de fábricas de agrocombustíbeis cuxa rendibilidade enerxética, económica e climática depende de fortes subvencións directas, ou indirectas a través de exencións fiscais. A implantación destas fábricas, previstas preto de grandes portos, pon de manifesto que a prioridade se lle vai dar ás importacións de agrocombustíbeis de orixe tropical menos custosos.

O contrasentido enerxético da orientación actual acábanolo de demostrar a industria europea de abonos, que prevé un aumento do consumo de abonos nitroxenados vinculado á extensión dos agrocarburantes. Cómpre lembrar, neste senso, que o 40% do consumo enerxético das explotacións está relacionado coa aplicación dos abonos nitroxenados.

O desenvolvemento de combustibeis de segunda xeración resultantes doutras formas de biomasa, como madeira, refugallos orgánicos ou celulosa, poderían ser moito máis rendíbeis dende o punto de vista enerxético. Semellan máis prometedores, dende un punto de vista enerxético, cós cultivos de periodicidade anual, sempre a condición de que a produción non fose de tipo industrial e que, na recollida que se fixese nos montes, se deixase a biomasa necesaria para que achegue materia orgánica aos solos.

2. A competencia contra a produción alimentaria na Unión Europea e no mundo.

Só incorporar un 5’75% de agrocarburante nos combustíbeis petrolíferos esixiría utilizar o 20% da superficie terrestre dedicada ao cultivo de cereais. Utilizando toda a superficie agrícola da Unión Europea, non se poderían cubrir máis do 30% das súas necesidades enerxéticas actuais. Se a elección, pola contra, é importar estes produtos agrarios, estaríase desprazando o problema da competencia coa alimentación a outros países e Europa seguiría a ser fortemente dependente,dende un punto de vista enerxético, do exterior.

En troques de fomentar os agrocarburantes, a prioridade da Unión Europea debería ser reducir o consumo enerxético nos transportes. Os países industrializados están a desenvolver grandes proxectos de produción de agrocombustibeis en países tropicais como Colombia, Indonesia, Malaisia, ou Brasil; en detrimento da soberanía e seguridade alimentarias da súa poboación, e das súas biodiversidades. Un deses proxectos contempla reconverter os bosques primarios de Sumatra en plantacións de palma para a producir aceite.

Diante destes datos, é necesario realizar un debate na Unión Europea sobre as prioridades que deberían contemplar os usos da terra (alimentación, urbanización, infraestruturas, enerxía, reservas naturais, etcétera).

3. Subvencións máis lexítimas cás actuais da Política Agraria Común (PAC)?

A CPE e o SLG pregúntanse sobre a propaganda masiva do grupo de presión agroindustrias en favor dos agrocarburantes, co apoio da Comisión Europea. Ante a difícil lexitimidade da PAC actual, dende o punto de vista internacional e social, e ao anticipar unha forte redución do orzamento agrícola para o 2013, inténtase orientar á opinión pública para que sexa máis sensíbel á dependencia enerxética europea que á dependencia alimentaria. Desta maneira, estanse a terxiversar datos e informacións de cara a facer crer que é necesario subvencionar a produción e a utilización de agrocarburantes; axudas que, ao fin e ao cabo, só servirán para garantirlle ás explotacións máis grandes e á industria o mantemento de fortes subvencións públicas.

4. As explotacións agrarias poden contribuír de maneira efectiva a facer fronte á crise actual.

As maneiras de facelo serían varias:

* Modificando os métodos de produción, cunha diminución prioritaria do consumo de abonos nitroxenados, e indo cara a producións máis autónomas e máis económicas dende o punto de vista enerxético.

* Favorecendo a produción de aceites de oleaxinosas prensadas nas propias explotacións ou en factorías locais, naquelas zonas xeográficas axeitadas para desenvolver este tipo de cultivos. Tamén axudaría levar adiante procesos de metanización.

* Favorecendo o desenvolvemento de paneis fotovoltaicos encol dos teitos das construcións agrarias.

5. É necesario mudar as políticas agrícolas e comerciais actuais.

A urxencia climática imponnos abandonar a lóxica da PAC actual e da Organización Mundial do Comercio (OMC), que multiplica as necesidades de transporte; para volver relocalizar a economía en aras da eficiencia, do emprego e do medio ambiente. Hoxe en día é pouco custoso trasladar as industrias, e case nada custoso as tecnoloxías. O que si é moi custoso é o traslado das producións primarias. Habería que relocalizar todas estas producións e transformacións, todo o ciclo económico. Iso sería máis eficiente a todos os efectos e daría máis emprego e contribuiría a reducir de maneira considerábel o consumo de combustible.

Preme aquí para ver como lle afectarían o cultivo de agrocarburantes á Galiza (Editorial 249 de Fouce:"Unha nova ameaza voa sobre o agro galego: os cultivos enerxéticos")